SEGUIMENTO DO PROXECTO SEREA (Artigo 6 do Fondo Social Europeo)
O día 28 de febreiro do 2007 na sede do Centro Tecnolóxico do Mar terá lugar unha reunión de seguimento do proxecto SEREA, e a presentación da actividade aos medios.
SEREA é un proxecto cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do artigo nº 6, “Enfoques innovadores na Xestión do Cambio”. Trátase dunha “medida innovadora” no ámbito da Xestión da reestruturación enfocada ao sector pesqueiro de baixura e marisqueo.
O proxecto responde ás actuais problemáticas da pesca de baixura: a sobreexplotación, os elevados prezos do gasóleo, e o deterioro da imaxe social do sector están provocando un descenso de actividade e do relevo xeracional. Estes cambios teñen unha importante repercusión económica pero tamén social, xa que en moitas zonas da nosa costa a pesca e o marisqueo representan a principal fonte de ingresos, o principal motor de desenvolvemento.
Fronte a esta problemática, o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR - e a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia promoveron a asociación dun grupo de traballo para buscar sistemas que faciliten unha progresiva reestruturación do sector, fomentando a adaptación ás condicións actuais. Asimesmo, buscouse a participación de Entidades transnacionais con situacións semellantes neste sector.
Así se plantexou un proxecto que busca facilitar a cultura do cambiodentro do sector da pesca de baixura e o marisqueo, fomentando o desenvolvemento sostible, e seguindo unha filosofía participativa.
Nesta reunión de traballo participan os equipos implicados no proxecto do CETMAR; da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos; das tres Universidades Galegas – Universidade de Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo –; do CEIDA - Centro de Extensión Universitaria y Divulgación Ambiental de Galicia –; da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, e das Confrarías de Cambados, Cedeira e Lira. Desprazaranse tamén os participantes transnacionais da Cooperativa de Audierne Port (Bretaña, Francia), e estará convidado como observador un delegado da Secretaría de Pesca de Letonia.
Durante a xuntanza revisarase a actividade levada a cabo nos últimos meses: a posta en marcha dun observatorio para a xestión do cambio no sector pesqueiro tradicional; a organización da recollida de boas prácticas relacionadas coa pesca sostible, a innovación pesqueira e o turismo mariñeiro; a organización dunha serie de seminarios para a sensibilización e orientación ao cambio dos principais beneficiarios e partes interesadas no proxecto. Toda a información do proxecto poderá consultarse proximamente na web do mesmo: www.serea.org