NOTICIAS
SEREA®
SEREA
descripcion
QUE E  SEREA
SOCIOS PROYECTO
AMBITO GEOGRAFICO
proyectos
observatorio
SEMINARIOS
DIRECTORIO
foro
formulario
Cursos
Jornadas
seminarios
NOTICIAS
ENLACES
restringida
MAPA
SEREA®

decreto Lira

XUNTA

Consellerías
Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

A Xunta aproba o Decreto polo que se crea a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro "Os Miñarzos" en Lira, a primeira de Galicia ==> Imaxe da delimitación xeográfica e as coordenadas da Reserva Mariña "Os Miñarzos" en Lira-Carnota

A XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE SE CREA A RESERVA MARIÑA DE INTERESE PESQUEIRO "OS MIÑARZOS" EN LIRA, A PRIMEIRA DE GALICIA

Esta iniciativa segue a liña dos obxectivos definidos polo Fondo Europeo da Pesca, tanto no que se refire á protección do medio mariño como a mellorar a calidade de vida nas poboacións pesqueiras
Para constatar a evolución da reserva e asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos crearase un Órgano de Xestión, Seguimento e Control constituído por representantes da administración e do sector

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2007.- O Consello da Xunta deu hoxe o seu visto bo ao Decreto polo que se crea a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro "Os Miñarzos" en Lira – Carnota, impulsada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e pola Confraría de Pescadores de Lira. O obxecto do presente decreto é delimitar xeográficamente esta zona protexida, así como o establecemento dos límites de uso e prohibicións de pesca na reserva e a configuración dun sistema de xestión e participación do sector pesqueiro no mesmo. Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.


DECRETO LIRA
Imaxe da delimitación xeográfica e as coordenadas da Reserva Mariña "Os Miñarzos" en Lira-Carnota

Coa creación desta reserva mariña, a primeira deste tipo que se pon en marcha en Galicia, a Consellería de Pesca e o pósito carnotán perseguen protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, impulsar a pesca e o desenvolvemento sostible, conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade, fomentar a sensibilización ambiental sobre o mar, divulgar os valores pesqueiros e ambientais da costa galega e favorecer os estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesqueirías. Ademais, a creación desta área protexida aportará novas oportunidades socio económicas no campo do turismo e do lecer que favorecerán a diversificación das actividades da comunidade pesqueira e a posta en valor dos pescadores e da cultura mariñeira.

Esta iniciativa segue pois a liña dos obxectivos definidos polo Fondo Europeo da Pesca, tanto no que se refire a fomentar a protección do medio ambiente e dos recursos naturais, como a promover o desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida nas zonas nas que se exercen actividades vencelladas á pesca.

A reserva contempla a delimitación dunha área de interese pesqueiro e de dúas áreas de reserva integral (as coordenadas destas áreas poden observarse no arquivo de imaxe que adxuntamos a esta nota). Así, dentro da zona de interese pesqueiro permitirase a pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente empregados na zona (anzois, nasas, enmalle ou a pesca da centola con gancho); a recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anémonas e percebe conforme ao Plan de Explotación anual aprobado; o marisqueo a pé e a recollida de algas segundo recolla o citado Plan; a mostraxe de flora e fauna mariñas con finalidade científica; a pesca marítima de recreo en superficie, así como o mergullo de lecer nas condicións que regulamentariamente se establezan. Pola súa banda, nas zonas da reserva integral quedará prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas, coa excepción das actividade destinadas á toma de mostras autorizadas con fins científicos ou de seguimento da reserva.

De tódolos xeitos, no marco do decreto polo que se crea a Reserva Mariña de Lira, para poder acceder á zona protexida de interese pesqueiro esixiranse unha serie de condicións para a práctica das actividades anteriormente nomeadas. En concreto, para a realización de actividades de pesca marítima profesional será necesario estar inscrito nun censo específico de embarcacións autorizadas para faenar e deberán notificar o inicio da actividade e as capturas realizadas no día. A Consellería de Pesca será a encargada de elaborar este censo de embarcacións no que se requirirá necesariamente unha solicitude do interesado, a posesión dos permisos que habilitan á embarcación e que esta teña porto base na Comunidade Autónoma de Galicia. Este censo deberá estar creado nun prazo máximo de 18 meses, a contar dende a publicación do decreto.

Para a xestión, o control e o seguimento da evolución da Reserva Mariña, así como para asegurar o cumprimento dos obxectivos establecidos no presente decreto, crearase o Órgano de Xestión, Seguimento e Control da mesma, que se constituirá nun prazo de seis meses. Este organismo estará composto por tres representantes da Consellería de Pesca, un da Consellería de Medio Ambiente e catro das entidades do sector pesqueiro. Paralelamente, o Servizo de Gardacostas de Galicia elaborará un plan de vixilancia anual da reserva mariña no que se terán en conta as medidas específicas de vixilancia e control propostas polo Órgano de Xestión.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos será a encargada tamén de pór a disposición do Órgano de Xestión, Seguimento e Control os medios necesarios para o bo funcionamento da reserva mariña a través das dotacións orzamentarias que sexan precisas.

Proxecto en apoio á Reserva Mariña "Os Miñarzos"
A organización ecoloxista WWF/Adena, en colaboración coa Universidade de A Coruña e co patrocinio de Caja Madrid e Telefónica España, presentou o pasado mes de xaneiro un proxecto de apoio a esta reserva mariña, de tres anos de duración, co que se pretenden facilitar as ferramentas necesarias para un control axeitado da actividade nesta zona. O proxecto consiste na realización dun seguimento diario na evolución das capturas das principais especies da zona e un estudo da biodiversidade co obxectivo de medir o "efecto reserva" e poder, deste xeito, avaliar o éxito da área protexida. Para a posta en marcha desta acción, a organización ecoloxista contará coa colaboración do departamento que dirixe Carmen Gallego e coa Confraría de Pescadores de Lira.

 
inglaterrafranespitagal

SEREA®
Documento sin título

“ Los contenidos de esta página web reflejan el punto de vista de sus autores.
La Comisión Europea no se hace responsable del uso que se pueda realizar de ellos ”

  Copyright © 2009 SEREA ® Reservados todo los derechos
Dirección · Santiago - Spain