Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2008.- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, valorou positivamente o acordo político adoptado en inicio polo Consello de Ministros da Unión Europea celebrado na xornada de onte en Bruxelas, sobre as axudas para os pescadores. A titular de Pesca destacou que ao Goberno Galego lle satisfai a modulación da proposta inicial da Comisión Europea e a incorporación de criterios de flexibilidade para os plans de axuste que plantexaban a redución do 30 por cento da frota.
Con respecto a isto último, segundo a información da que dispón a Xunta de Galicia, sinalou que o acordo terá en conta o esforzo de paralización definitiva da frota levado a cabo nos últimos anos polo executivo central e autonómico. Deste xeito, permitirá á frota acceder ás axudas por paralización temporal ata 2010, computando os despezamentos xa realizados.
Segundo explicou Carmen Gallego, “esta era unha reivindicación e unha demanda que a Consellería de Pesca trasladou á Comisión Sectorial do Consello Consultivo para Asuntos Comunitarios e tamén á propia Comisión Europea, e que contaba co total respaldo do sector pesqueiro galego”. Así o teñen manifestado nas diversas xuntanzas do pleno do Consello Galego de Pesca que se veñen mantendo para informalos, de xeito directo, das novidades que se produzan sobre as axudas comunitarias para facer fronte ao incremento do prezo do combustible.
Con respecto ao resto de modificacións, froito do acordo político acadado no Consello de Ministros de onte, a Conselleira de Pesca considerou que “haberá que analizalos polo miúdo para coñecer o seu verdadeiro alcance, unha vez que sexa aprobado o regulamento de modificación do Fondo Europeo da Pesca (FEP) e nos sexa trasladado o texto consolidado”.
A aprobación do acordo acadado poderá producirse en calquera reunión do Consello de Ministros dos Países da Unión Europea que se celebre ao longo deste mes de xullo.