A alcaldesa, Dolores García, e o edil de Xestión do Territorio, Marcelino Abuín, comunicáronlle esta pretesión aos representantes da Confraría "Santiago Apóstol" de Carril cos que mantiveron unha xuntanza na mañá de onte.
A reunión, que se celebra con carácter anual, foi a primeira que mantiveron o patrón maior, Fernando Franco, e as representantes da Agrupación de Mariscadoras coa a alcaldesa. A súa intención era a de "coñecer cómo ten pensado compaxinar o turismo coa actividade extractora nas praias de A Compostela e A Concha antes de que comece o verán". Neste sentido, ambas partes coincidiron en sinalar o entendemento e o patrón maior sinalou que existe "unha clara intención de que as dúas actividades, de gran importancia para o municipio, funcionen ben". Así, os responsables do Concello transmitiron a súa intención de levar a cabo unha campaña de comunicación "que incida na concienciación social da necesidade de facer compatibles ambas actividades" e que podería incluír cuñas radiofónicas que fomenten o respecto mutuo para a súa coexistencia.
Asimesmo, a reunión serviu para coordinar as actuacións nas praias de cara a Semana Santa, de xeito que o Concello se encargará da limpeza da liña de mar cara a terra mentres as mariscadoras retirarán as algas e residuos derivados da súa actividade. |