 |
|
Xuntanza do Órgano de Xestión,
Seguimento e Control da Reserva Mariña de Lira que tivo
lugar na Sala de Xuntas da Consellería de Pesca e
Asuntos Marítimos |
 |
|
|
Santiago de Compostela, 11 de
xaneiro de 2008.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica
hoxe a Resolución do 18 de decembro de 2007, da Dirección
Xeral de Recursos Mariños, pola que se abre o prazo de
presentación de solicitudes para a inscrición no censo de
embarcacións autorizadas para realizar as actividades da pesca
marítima profesional na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro
Os Miñarzos.
O prazo
para poder presentar as solicitudes será dun mes, a contar
dende o día seguinte ao da publicación desta Resolución no
DOG. Así mesmo, as solicitudes formalizaranse no modelo que se
publica como Anexo I da Orde do 27 de novembro de 2007 polo
que se regula o uso e xestión da Reserva Mariña de Lira (DOG
nº. 236, do 7 de decembro, con corrección de erros DOG nº 243,
do 18 de decembro).
A
entrega da documentación poderá realizarse no rexistro da
Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos
lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de
novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo, adxuntando unha copia do DNI da
persoa que a asine.
A Orde
do 27 de novembro de 2007, pola que se regula o uso e xestión
da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos” de Lira,
publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de
decembro, é a que recolle e establece as cuestións relativas á
elaboración e revisión do censo de embarcacións autorizadas
para a pesca marítima profesional na área protexida da reserva
mariña; as actividades permitidas dentro da mesma, así como o
seguimento científico e de divulgación que se levará a cabo,
entre outras.
A publicación desta Orde deu continuidade
ao proceso de creación da Reserva Mariña de Lira, que se
iniciou coa publicación no DOG, o pasado mes maio, do Decreto
87/2007, polo que se crea esta área protexida, aprobado polo
Goberno galego, e a posterior constitución do Órgano de
Xestión, Seguimento e Control da Reserva.
Nova xuntanza do Órgano de Xestión
O
director xeral de Recursos Mariños, Antonio García
Elorriaga, xunto con técnicos das consellerías de
Pesca e Medio Ambiente, e representantes das confrarías de
pescadores de Lira, Fisterra, Corcubión, e da Federación
Galega de Confrarías, participaron na tarde de onte en San
Caetano nunha nova xuntanza do Órgano de Xestión, Seguimento e
Control da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”
de Lira.
Entre os contidos da orde do día da
xuntanza estiveron, ademais da aprobación da acta anterior, a
posibilidade de que na Reserva Mariña se poida acometer un
Plan de Repoboación Específico con soltas de rodaballo e
linguado, e a solicitude da Confraría de Pescadores de Lira
para establecer un período de prohibición da extracción da
centola na Reserva.
Na reunión do Órgano de
Xestión, Seguimento e Control da Reserva Mariña de Interese
Pesqueiro “Os Miñarzos” que tivo lugar onte propúxose a
posibilidade de que, coa colaboración da piscifactoría ubicada
en Lira, se poida levar a cabo un Plan de Repoboación
Específico para a área protexida, coa solta de alevíns de
rodaballo e linguado. Sobre esta cuestión os membros do Órgano
acordaron estudar esta posibilidade e a Consellería de Pesca
comprometeuse a realizar un estudo biolóxico exhaustivo sobre
a idoneidade destas actuacións en augas da Reserva.
No marco do Plan de
Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, que impulsa
a Consellería de Pesca, xa se teñen desenvolvido soltas de
exemplares xuvenís de lumbrigante na zona da área protexida de
Lira.
Con respecto á segunda das temáticas, no
transcurso da xuntanza abordáronse cuestións relacionadas coa
adopción de medidas de xestión específicas para certas
especies de relevante interese comercial dentro da Reserva
Mariña. É o caso da centola, para a que se ratificaron as
medidas especiais propostas xa en anteriores xuntanzas, como
elevar a talla mínima de 12 a 15 centímetros e establecer o
tope máximo de captura en 30 quilos de centola por tripulante
e día, xa aprobadas na anterior reunión do Órgano. Ademais,
propúxose que se prohiba a extracción deste recurso dende o
día 12 de xaneiro, ás 00.00 horas, e ata o día 17 de febreiro,
ás 00.00 horas, por mor da importante
baixada dos prezos deste crustáceo no mercado . Estas novas medidas foron
aceptadas por todos os membros do Órgano de Xestión,
Seguimento e Control presentes na reunión de onte.
Xa o pasado 29 de novembro se decretara a
prohibición de extraer a centola a partires
do día 1 de decembro e ata o día 17 do mesmo mes, a partires
desta última data comezaron a traballar coas medidas
específicas establecidas para a xestión deste crustáceo en
augas da Reserva Mariña. Dende ese último día estivo permitida
a extracción de centola, pero agora, por acordo do Órgano de
Xestión, decretarase un novo peche.
O Órgano de Xestión acordou tamén, na
reunión de onte, iniciar o proceso de cartografiado da Reserva
Mariña co obxecto de comunicar os límites da mesma ao
Instituto Hidrográfico de La Marina (Ministerio de Defensa)
para que as represente nas Cartas Náuticas de acordo coas
normas internacionais de seguridade na navegación.
A Reserva Mariña
formará parte da Rede Iberoamericana de áreas
protexidas
Na última reunión que tivo lugar o pasado
mes de novembro, en concreto o día 26, os integrantes do
Órgano de Xestión, Seguimento e Control da Reserva Mariña de
Interese Pesqueiro, “Os Miñarzos” aprobaron a proposta da
Consellería de Pesca de iniciar os trámites para incluír á
esta área protexida galega na Rede Iberoamericana de Reservas
Mariñas.
Coa integración nesta Rede a Reserva
Mariña de Lira poderá cooperar conxuntamente no
desenvolvemento e fortalecemento dos espazos mariños
protexidos no marco dun crecemento pesqueiro sustentable das
poboacións locais. Ademais, a súa inclusión neste organismo
servirá para intercambiar permanentemente información sobre os
espazos protexidos co fin de mellorar a súa xestión;
desenvolver proxectos comúns que promovan os vínculos entre as
zonas que forman parte da rede; transferir a experiencia e
coñecemento adquiridos en xestión, divulgación
e ensino, así como mellorar na formación e
no seguimento destes espazos mariños.
O desenvolvemento e mantemento da Rede
Iberoamericana de Reservas Mariñas depende da Secretaría
General de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca
e Alimentación (MAPA) e a parte adicada á coordinación forma
parte das tarefas do Instituto Español de Oceanografía. Na
actualidade está integrada por 40 espazos mariños protexidos
distribuídos entre Costa Rica, Ecuador, México, Panamá, Perú,
Venezuela e España. |