 |
| As autoridades presentes na inauguración non dubidaron en calzar unhas botas de goma para coñecer, a pé de praia, o traballo das mariscadoras carrilexas. CARLOS FOLGOSO |
As mariscadoras de Carril deron onte a coñecer o proxecto “Os Lombos do Ulla”, unha iniciativa que permitirá dar a coñecer os encantos do mar vilagarcián e, especialmente, as características máis intrínsecas de sacar a vida da area. A inauguración estivo respaldada pola concelleira de Innovación, Rosa Abuín, pero tampouco faltaron a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, e o tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón. Tamén estiveron presentes outros edís como Ramón Bueno, de IU. A primeira ruta que se realiza baixo o epígrafe “Os Lombos do Ulla” estivo apadriñada pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Liñares, e pola delegada provincial de Industria, Montserrat Prado.
Enfundados en botas de auga á altura dos xeonllos e coa Ría de Arousa como marco incomparable, mariscadoras carrilexas, autoridades e xornalistas puideron inaugurar unha das rutas turísticas contidas no paquete “Os Lombos do Ulla”, que comezou onte a súa andadura. A concelleira de Innovación e Industria, Rosa Abuín, exerceu de anfitriona á hora de presentar unha iniciativa que pretende abrir Vilagarcía ao mar a través do traballo das mariscadoras a pé de praia.
O proxecto, ideado dende hai meses, inclúe dous itinerarios. O primeiro deles parte do Centro de Interpretación da Ría de Arousa (CIRA) e segue polas inmediacións da praia da Concha-Compostela, comulgando co traballo diario das mulleres que viven de sacar vida da area. Alí os visitantes poderán presenciar todas as fases da ameixa, dende a semente ata a selección por especies. O periplo desta primeira opción remata na lonxa carrilexa.
O segundo itinerario é máis atractivo e, se cabe, moito máis novidoso. Sae da praia fluvial de Bamio e consiste en ir camiñando, literalmente, sobre o mar hacia a illa de Cortegada. Un paseo inigualable polos “lombos” do Ulla. No contorno do parque natural tamén se contemplará o traballo das mariscadoras para rematar o percorrido, novamente, no porto de Carril.
Calendario > Dende a Agrupación de mariscadoras xa teñen elaborado un completo almanaque que fixa os horarios das dúas rutas ata o vindeiro mes de setembro. De todos xeitos, estes poden verse modificados dependendo das mareas. Así mesmo, a actividade non só se limita aos meses da tempada estival, senón que ten vocación continuísta durante o curso, especialmente dirixido a grupos de escolares. A duración de cada un dos itinerarios é de, aproximadamente, dúas horas. O prezo por persoa ascende a 6 euros, mentres que os nenos (sempre que vaian acompañados por un adulto como condición irremprazable) poderán asistir ás rutas de balde.