Un novo número de Ardentía para as mulleres que sacan vida da area
O historiador meco Luis Rei e director da revista anual Ardentía tivo boa ocasión onte para presentar o número catro desta publicación que, baixo o epígrafe "O mar tamén ten mulleres" simboliza unha sentida homenaxe a todas aquelas féminas que, xornada tras xornada, dedican o seu tempo a sacar vida da area. Rei conseguiu arrancar varios sorrisos e incluso gargalladas entre o auditorio botando man de anécdotas que beben da propia tradición da península meca que o viu nacer. Parellamente, relatou a importancia de preservar o coñecemento "das nais" que, como sinalou, "eran as encargadas de transportar todo aquilo verdadeiramente importante sobre as súas cabezas grazas ao molido". O historiador aproveitou a súa intervención para convencer a todos os que "lean Ardentía e acudan a esta exposición que acabamos de inaugurar" de que "non só se fixen nas imaxes, senón tamén nas verbas".
F.F. > O GROVE
Luis Rei convertiu a presentación nun verdadeiro acto entre amigos, con intercambio de experiencias e anécdotas e con historias "máxicas" e "lendarias" sobre a incrible illa de Sálvora. De feito, este antecedente histórico e informativo sobre a riqueza deste fermoso enclave no corazón da ría non é máis que un adianto do que, todas as mulleres do municipio que así o desexen, poderán percibir en propias terras insulares.
O tenente alcalde, Carlos Álvarez Besada, animou a todos os presentes a participar nesa visita programada pola súa concellería a este e outros importantes enclaves, actos que configuran e completan o programa que rodea o Día da Muller Traballadora.
O certo é que, calquera que se achegue a ver a exposición e se adentre nas páxinas da revista Ardentía pouco máis ten que saber sobre a historia das mulleres mecas. A outra opción que lles queda é a de sumerxirse de cheo entre as xentes deste importante enclave peninsular que, durante séculos e séculos, viu como o seu lado feminino era o que soportaba importantes cargas sen obter nin gún tipo de coñecemento. Chegoulles o momento.
“ Los contenidos de esta página web reflejan el punto de vista de sus autores.
La Comisión Europea no se hace responsable del uso que se pueda realizar de ellos ”