A partir desta iniciativa comunitaria abriuse un período de reflexión dun ano, ata xuño de 2007, no que foron convidados a participar todos os colectivos que considerasen conveniente transmitir á Comisión Europea as súas reflexións sobre o tema. Galicia, como comunidade autónoma con intereses moi importantes vinculados ao mar, tiña a obriga de elaborar unha reflexión moi meditada en relación con esta iniciativa comunitaria. Cómpre recordar que un libro verde é o primeiro paso nun longo camiño que no seu día se verá traducido en normas de obrigado cumprimento e que, se Galicia quere defender axeitadamente os seus intereses, ten que actuar decididamente desde o primeiro momento.
Nesta liña, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos creou un grupo de traballo interdepartamental que se reuniu en diversas ocasións no Cetmar e que reuniu representantes doutros departamentos autonómicos e as autoridades portuarias dependentes do Goberno galego e da Administración xeral do Estado, implicadas nas accións do Libro Verde de Política Marítima. As funcións deste grupo foron as seguintes: elaborar un documento de posicionamento desde Galicia, propugnar a creación dun grupo interautonomías e coordinar as reunións para dar resposta ao Libro Verde. Estes traballos culminaron neste mes de xuño coa celebración dunhas xornadas en Vigo, ás cales asistiron representantes do Parlamento e da Comisión Europea e representantes do Goberno central, entre outras autoridades.
Despois de diversas xuntanzas, os participantes consensuaron un documento no que apuntaron os campos sobre os cales o Libro Verde debe actuar. Entre os máis importantes destacan:
Transportes: aposta pola competitividade dos portos e o fomento do transporte marítimo como medio menos contaminante. Como instrumentos concretos, o grupo de traballo aposta por favorecer a intermodalidade e o artellamento do transporte marítimo con outras alternativas; impulsar as cadeas loxísticas para aumentar o valor; simplificar os procedementos e redución de instrumentos de normalización, así como ampliar as responsabilidades no campo da xestión e da explotación marítimo-portuaria.
Enerxía : apostar polas enerxías renovables e rendibles, contribuíndo deste xeito á redución da dependencia enerxética externa e á emisión de gases de efecto invernadoiro, aproveitando os recursos existentes no mar.
Pesca e acuicultura: asegurar a sustentabilidade na explotación dos recursos; incrementar o valor definindo e instaurando áreas mariñas protexidas; recuperar ecosistemas degradados; reforzar sistemas de arrecifes artificiais; fomentar a investigación e o desenvolvemento na acuicultura, e garantir a rendibilidade económica e ambiental. Por outra parte, o grupo de traballo avoga por acadar un nivel de vida xusto para os traballadores do mar; potenciar e favorecer a renovación da frota artesanal e de litoral; o mantemento da pesca industrial; potenciar as sociedades mixtas; aminorar e eliminar condutas que poñan en perigo a actividade pesqueira e o ecosistema mariño, e propiciar un marco xurídico e financeiro estable para a acuicultura. Así mesmo, apóstase pola creación dun segundo rexistro para buques pesqueiros de altura e por estudar a aplicación de beneficios fiscais e laborais para as frotas e empresas pesqueiras.
Turismo, lecer e náutica de recreo: avógase por valorizar o mar como diferenciador da oferta náutica, estimulando as actividades asociadas ao mar.
Defensa nacional e aspectos vinculados á seguridade: clarificar as atribucións e as áreas de intervención e coordinación das entidades en prevención e loita contra a contaminación, seguridade na navegación e protección da salvagarda da vida no mar, atenuando os riscos naturais, e aplicando o principio de tolerancia cero e a máxima quen contamina paga.
Protección ambiental e conservación da natureza: asegurar o bo funcionamento e mantemento dos servizos dos ecosistemas mariños e costeiros, promovendo a protección da biodiversidade, salvagardando as áreas esenciais para a conservación e a xestión de recursos vivos e non vivos. Potenciación de áreas mariñas protexidas.
Xestión integrada da relación mar-terra , con especial coidado na ocupación residencial e industrial da zona costeira coa fin de equilibrar a eficacia produtiva en bens e servizos, o benestar dos cidadáns residentes e a sustentabilidade.
Impulso á ciencia, tecnoloxía e innovación : investindo en recursos humanos cualificados, proxectos e infraestruturas de ciencia e tecnoloxía. Promocionar os centros integrados que abrangan todos os aspectos da rede de I+D e promovan a formación de investigadores de calidade, participando simultaneamente en redes internacionais.
Adaptación da formación profesional marítima ás novas demandas, homologando as titulacións en toda Europa, fomentar a súa calidade e controlar a cualificación profesional e a seguridade no traballo no mar.
Reforzo da educación, a cultura e a sensibilización en relación co mar , incluíndo nos programas escolares aqueles temas oceánicos máis relevantes, promocionando as actividades marítimas, fomentando os ensinos navais e náuticos, valorizando o patrimonio cultural subacuático e a educación ambiental.
Promoción externa da identidade marítima e da oferta produtiva de bens e servizos vinculados ao mar, así como da oferta científica, promovendo ao tempo a centralidade atlántica de Galicia.
Arco Atlántico e Grupo de Traballo Interautonomías
Galicia, ademais de ser a encargada de presentar a proposta galega ao Libro Verde, tamén foi elixida para coordinar a contribución a este documento de todas as rexións atlánticas de España, Francia, Portugal e Reino Unido, reunidas na chamada Comisión do Arco Atlántico. Galicia desempeña un papel destacado neste organismo xa que, a través da Consellería de Pesca, lidera e coordina o grupo de traballo Pesca desta comisión. Para a coordinación dos traballos con este organismo contactouse con 25 rexións atlánticas para solicitar a súa achega ao Libro Verde de Política Marítima, e para iso contouse co apoio da Secretaría Xeral de Relacións Exteriores. O documento final, redactado por Pesca, foi presentado posteriormente a todas as rexións para recibir o seu visto e prace e, posteriormente, foi remitido á Unión Europea.
Así mesmo, a nosa autonomía tamén propugnou a creación do Grupo de Traballo Interautonomías sobre o documento comunitario, e encargouse da súa coordinación, dada a súa implicación en todas e cada unha das materias que se recollen nel, desde a pesca e a acuicultura ata as industrias naval, comercial e deportiva, pasando polo turismo, a protección ambiental, centros de investigación e formación, entre outros. Neste grupo de traballo, a Consellería de Pesca estivo a traballar man a man con representantes de varios departamentos das comunidades autónomas do litoral e dos ministerios de Asuntos Exteriores e Cooperación e de Administracións Públicas en diversas reunións que tiveron lugar en Madrid. O departamento que dirixe Carmen Gallego foi o encargado de recoller e recompilar as achegas das autonomías nun só documento que serviu de base para as reunións de traballo, co obxectivo de elaborar un texto final, subscrito polas autonomías con litoral, que será remitido á UE.
Xornadas sobre o Libro Verde
Ademais das diferentes reunións realizadas coa finalidade de acadar achegas e unha postura definida e integradora con respecto ao Libro Verde de Política Marítima e das cales Galicia é coordinadora, a Consellería de Pesca tamén levou a cabo a organización dunhas xornadas sobre este documento, que tiveron lugar na cidade de Vigo os pasados días 25 e 26 de xuño.
Neste encontro, que contou coa presenza de representantes da Unión Europea, do Estado, das comunidades autónomas e dos sectores afectados, os participantes compartiron a iniciativa lanzada pola Comisión Europea de presentar unha visión do espazo marítimo enfocada á definición dunha estratexia multidisciplinar, integradora e unificadora da política marítima, que permitiu reflexionar detidamente sobre todas as actividades vinculadas a este ámbito, a pesca, o turismo, o naval, a investigación ou a formación, entre outros moitos. Así mesmo, puideron achegar entre todos unhas conclusións de moita relevancia para a que será a proposta que realice Galicia á Comisión Europea sobre o Libro Verde de Política Marítima.