A riqueza e diversidade das comunidades costeiras e as sinerxías da pesca con outras actividades económicas, sociais e culturais foron as protagonistas da terceira edición da Conferencia Internacional sobre Diversificación Socioeconómica nas Comunidades Costeiras celebrada en Vigo.
Organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e financiada pola Fundación CAIXAGALICIA, esta Conferencia consolidase definitivamente como un referente para o debate sobre a definición, orientación e posibles alternativas de diversificación socioeconómica nas comunidades costeiras.
Ó acto de inauguración da Conferencia, presidido polo director xerente da Fundación Cetmar, Alberto González Garcés, asistiron o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro, as delegadas territoriais de Pesca en Pontevedra e na Coruña, e Jose Manuel Fernández, delegado territorial de CaixaGalicia.
A axenda da xornada abordou aspectos plurais da diversificación: o deseño e funcionamento do financiamento comunitario para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca, a constitución dos Grupos de Acción Costeira no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP), as leccións aprendidas sobre a diversificación no eido autonómico e internacional, as accións concretas centradas na xestión dos recursos, a comercialización, o medio ambiente, etc.
No conxunto do programa, a mesa redonda Do mar ós fogóns xerou un vivo debate entre o público e tres grandes referentes da cociña galega, dando pé a futuras accións nas que os distintos eslavóns da cadea de valor de productos pesqueiros poidan colaborar de xeito máis activo.
Finalmente, o concerto a cargo do grupo de jazz folk Nordestin@s evidenciou que a música é unha mensaxeira perfecta para poñer en valor o patrimonio inmaterial, a cultura oral e a identidade mariñeira das comunidades costeiras.
Con esta III Conferencia Internacional o CETMAR consolida un foro sobre as estratexias de diversificación que pretende aportar iniciativas concretas, ideas e reflexións.

