
PROXECTO SEREA
A pesca, en perigo polas carencias na remuda xeracional
30.07.2007 " Os pescadores sempre souberon manter o control sobre a cantidade de recursos, teñen coñecemento práctico dos ventos, das ondas, da calidade e tratamento do peixe. Respectan o ambiente. Aínda así, non teñen conciencia do importantes que son estes saberes "
XIANA IGLESIAS . SANTIAGO

A coordinadora do Proxecto Serea, Lucía Fraga (segunda pola esquerda), xunto co resto dos membros que conforman esta iniciativa
O proxecto Serea é unha iniciativa da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, xestionado a través do Centro Tecnológico del Mar, organismo dependente deste departamento, que se puxo en marcha en novembro de 2006 para buscar solución á actual problemática da pesca de baixura en Galicia.
Ó longo da semana pasada celebrouse na comunidade un encontro con representantes do sector pesqueiro de Bretaña, Sardeña e Letonia. Lucía Fraga Lago, coordinadora deste proxecto, valorou a experiencia e o labor de Serea ata o de agora.
A semana pasada, representantes do sector pesqueiro de Bretaña, Sardeña e Letonia visitaron diversas confrarías de Galicia, invitados polo Proxecto Serea para anlizar a situación da pesca de baixura. ¿Que conclusións se extraen da visita?
Máis que conclusións o que se extrae é unha experiencia de contacto entre as comunidades para que coñezan a situación pesqueira que se vive noutros lugares. O Proxecto Serea xa organizou un encontro na Bretaña, agora este en Galicia e en setembro temos previsto un en Sardeña (Letonia non se visita dentro do proxecto porque non é un "dos 15"). Estas xornadas de intercambio proporcionan unha importante riqueza porque permiten coñecer como se está a traballar en cooperativas doutros lugares.
¿A situación de Galicia é parella á doutros lugares nos que tamén se practica a pesca de baixura?
Compartimos sobre todo un problema: a escaseza de mozos que se adiquen a estes traballos. Isto comporta a perda da cultura e o patrimonio mariñeiro. Neste sentido, Proxecto Serea é unha iniciativa innovadora que pretende dar a coñecer á sociedade a imaxe real dos pescadores de baixura. Estes sempre souberon manter o control sobre a cantidade de recursos, teñen coñecemento práctico dos ventos, as ondas, a calidade e tratamento do peixe, a selectividade das artes... Pero, ante todo, un coñecemento do mundo mariño que manifestan a través de prácticas que respectan o medio. Na maioría dos casos, eles non son conscientes de que posúen moitos coñecementos e valóranos con humildade. Porén, para nós é moi importante integrarlos como colectivo e tamén os seus coñecementos dentro deste plan. Pero, volvendo á pregunta, é certo que hai puntos en común aínda que cada poboación encara a problemática de xeito diferente. Por exemplo, en Bretaña teñen tamén un sistema no que implican os pescadores na xestión. En Italia están a desenvolver un plan de diversificación da actividade fomentando o turismo mariñeiro, tal e como están a facer en moitos lugares da nosa costa, como Lira, Cambados, Laxe, Noia, Cangas, Fisterra...
¿Cales son os principais problemas ós que ten hoxe en día a pesca de baixura en Galicia?
Hai moitos, e todos vencellados, pero o certo é que cada vez custa máis saír a pescar. O prezo do petróleo vai moi alto; a sobreexplotación provoca que haxa moitos menos recursos pesqueiros e, en definitiva, a marxe de beneficio é menor canto maiores son os custos de pesca. Así, cada vez resulta máis difícil atraer os mozos ó sector, e cada vez é máis escasa a man de obra cualificada... o que dificulta aínda máis o traballo. É como se entrasemos nun círculo vicioso.
O Proxecto Serea avoga por unha cultura de cambio baseada na pesca sustentable e a participación activa que troque a situación actual da pesca de baixura.
Si. Estamos levando a cabo un modelo de reestruturación planificado en tres fases. Polo de agora estase a desenvolver a primeira na que propoñtemos a necesidade do cambio. É o que se podería chamar, unha fase de concienciación coa que tamén se busca solucionar o problema da falta de remuda xeracional. Pero, ademais é a etapa da análise, na que as universidades e confrarías que participan no proxecto buscan boas prácticas de pesca, xunto coas confrarías. Na segunda levaranse á práctica os coñecementos aprehendidos durante este primeiro ano. A idea é crear un Comité de Asesoramento no que estean presentes a administración pesqueira, de turismo e a de ambiente. Este organismo servirá para marcar as directrices de comportamento. Ademais, crearase un servizo de asesoramento, que dependerá da parte administrativa do sector pesqueiro, ás confrarías e a súa federación. Por último, teremos que enfrontarnos á fase de avaliación.
¿Que debería cambiar tanto na captura como na comercialización?
Creo que a clave está na dosificación e boa xestión na captura e polo tanto na comercialización. Porei un exemplo sinxelo: se tes 90 peixes, cóllelos todos e véndelos no mesmo día quedas sen recurso pesqueiro e para vendelos todos, o prezo haberá de ser barato. Pero se o primeiro día pescas 10 e o seguinte outros 10, podes vendelos a mellor prezo ó cabo dun tempo e haberá novos peixes porque lles deixaches tempo para a reprodución; para a continuidade do peixe. Neste senso, cada lugar e especie son diferentes tanto polo ciclo de reprodución como polas características do medio.
¿É posible que, cos anos, de- sapareza esta práctica?
Resistímonos a crelo. Desde hai anos os pescadores de baixura véñense adaptando ós cambios da historia, proporcionando sempre produtos de calidade.