Carmen Gallego reuniuse con representantes das confrarías galegas
Xornal Galicia Marítima | Jueves, 03 Abril, 2008
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantivo esta tarde en San Caetano unha xuntanza con representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores de Galicia », así como cos responsables das tres federacións provinciais.
O obxectivo deste encontro foi tratar diversos asuntos de interese para o sector pesqueiro galego como a nova Lei de Pesca e os decretos que a desenvolverán, a constitución dos Grupos de Acción Costeira e a situación da frota do cerco, entre outros.
No que respecta á Lei de Pesca, a Conselleira informoulles do estado actual da súa tramitación, destacando que a súa aprobación definitiva se espera para o primeiro semestre de 2008. Neste senso, comunicoulles que as distintas direccións xerais que compoñen o seu departamento están a traballar nos diferentes decretos que desenvolverán a nova norma para proceder ao proceso de consultas entre os axentes que representan ao sector.
Outro dos temas tratados foi a posta en marcha dos Grupos de Acción Costeira en Galicia para dar cumprimento ao Eixo prioritario número 4 que establece o Fondo Europeo da Pesca e no que a participación do sector é moi importante. Deste xeito, a Conselleira informoulles que en vindeiras datas a Fundación Cetmar organizará unhas xornadas con ampla difusión para que o conxunto do sector pesqueiro galego teña toda a información necesaria ao respecto: dende como se constitúen estes grupos, ata o traballo que levarán a cabo.
Ao mesmo tempo, e dado que esta mesma mañá se procedeu á aprobación por parte do Consello da Xunta da intervención da Confraría de Pescadores de Ferrol, da cal xa se lle informara ao presidente da Federación Galega, a Conselleira de Pesca explicoulles de xeito pormenorizado o alcance desta medida tomada polo seu departamento. Todos os presentes amosaron o seu apoio á decisión adoptada hoxe polo Goberno galego.
Á xuntanza presidida por Carmen Gallego asistiron o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores de Galicia, Evaristo Lareo » ; o presidente da Federación provincial de A Coruña e tamén responsable da Federación Nacional, Genaro Amigo; o titular da Federación provincial de Pontevedra, Manuel Pazos, e a representante da Federación provincial de Lugo, Faustina Solloso.
“ Los contenidos de esta página web reflejan el punto de vista de sus autores.
La Comisión Europea no se hace responsable del uso que se pueda realizar de ellos ”