O CETMAR organiza hoxe a terceira edición da Conferencia Internacional sobre Diversificación Socioeconómica nas Comunidades Costeiras (Vigo, 18 de xuño de 2008), financiada por CAIXAGALICIA, que vai proporcionar un ano máis un lugar de encontro que permitirá ás administracións públicas, ós axentes sectoriais –da pesca, o marisqueo e outras actividades económicas e culturais- e á sociedade en xeral valorar conxuntamente as liñas de actuación, iniciativas e obxectivos a corto e medio prazo da diversificación socioeconómica.
A procura de alternativas que garantan a viabilidade das comunidades costeiras constitúe unha liña prioritaria de actuación dos axentes públicos e privados do sector pesqueiro. Dende o ano 2005 o CETMAR ven desenvolvendo un proxecto de traballo en rede orientado a identificar oportunidades e estratexias de diversificación, no que os profesionais do mar teñen un papel protagonista.
Nesta terceira edición contarase coa presentación, a cargo do secretario Xeral da Consellería de Pesca, sobre a próxima creación dos Grupos de Acción Costeira como eixo vertebrador do Fondo Europeo da Pesca para o desenvolvemento das comunidades pesqueiras. Asemade, alternativas de diversificación como o medio ambiente, o turismo mariñeiro, novas formas de comercialización e novos productos estarán presentes nesta edición.
Nesta xornada e afondando nos elementos que caracterizan a cultura mariñeira galega, contamos como broche dúas oportunidades competitivas da cultura mariñeira: a gastronomía do mar a cargo de tres grandes cociñeiros galegos de fama internacional, que falarannos dos usos tradicionais e modernos dos productos do mar –Xoan Crujeiras do restaurante A Estación de Cambre, Gonzalo Rei del Restaurante El Mercadito en Santiago e Gonzalo Botana de Pandemonium en Cambados; e finalmente, a música e a cultura oral a cargo, representantes tamén da tradición mariñeira a cargo do grupo de jazz folk Nordestin@s.
Con esta III Conferencia Internacional o CETMAR consolida un foro sobre as estratexias de diversificación no marco da xestión sostible dos recursos, a posta en valor da cultura do mar, a dignificación do sector marítimo pesqueiro no seu conxunto e o futuro das comunidades costeiras.