D.P. > VILAGARCÍA
 |
| Rosa Abuín, concelleira de Turismo. |
A concelleira de Turismo, a nacionalista Rosa Abuín, reuniuse onte coas responsables das novidosas rutas de marisqueo que se están a desenvolver dende o verán no litoral carrilexo. Neste encontro, ambas partes coincidiron no “éxito” deste plan turístico que pretende pór en valor esta actividade económica tan vencellada a esta parroquia vilagarciá, tal e como se vén facendo dende hai anos noutras localidades da Ría de Arousa.
Rosa Abuín asegura que o comezo desta campaña, que non parará na época invernal, tivo un resultado de visitantes mellor do agardado nun principio.
O certo é que, pese a iso, a concelleira de Turismo asegura que “dende o Concello faremos un maior esforzo promocional para dar a coñecer tanto no municipio como cara a fóra”. Un exemplo do que indica a nacionalista sería o achegamento das rutas de marisqueo ás mozas e mozos que estudan nos diferentes centros públicos de Vilagarcía e que, nalgúns casos, teñen pouco contacto coa actividade do mar.
Así, o Concello podería comezar en breve a desenvolver campañas de saídas de estudantes ás dúas zonas recollidas nestas rutas: Os Lombos-Cortegada e A Compostela; aínda que Rosa Abuín sinala que hoxe non hai nada decidido e que será en futuros encontros coas mariscadoras responsables deste servizo cando se determinen todas as iniciativas a desenvolver.
Outro aspecto que analizou a concelleira durante a reunión coas carrilexas foi a do cambio de horarios. Primeiro determinarase un calendario de mareas que permita fixar as posibles horas para poder levar a cabo as rutas e, posteriormente, se fixarán dúas xornadas por semana para poder facer as pertinentes visitas ás dúas áreas recollidas no programa municipal.
Isto, indica Rosa Abuín, servirá para realizar menos visitas que ata o de agora pero mellor planificadas, xa que non haberá ningún tipo de erro á hora de concertar horas con grupos de turistas.