Os representantes destas firmas amosaron esta semana á Consellería de Pesca, nunha reunión celebrada en Santiago de Compostela, a súa disposición a sumarse á comercialización dos produtos amparados pola marca de calidade "PescadeRias", un selo baixo cuxo amparo se atopan sete lonxas da Ría de Arousa (O Grove, Cambados, Vilaxoán, Rianxo, Abanqueiro, Palmeira e Aguiño).
Xa que logo, determinados recursos pesqueiros e marisqueiros seleccionados por estas confrarías do Salnés e O Barbanza podían dar un importante salto adiante en canto a acceder a novos mercados, e elo baixo o prestixio e garantía dunha marca de calidade que daría conta tanto da súa orixe como da súa identidade.
O interese destas cadeas por este selo parte de que teñen unha diferenciación clara na procedencia do produto, e en que estas firmas poderán ser certificadoras do selo sempre e cando cumpran as especificacións que se requiren a tal efecto.
Un total de noventa e nove productos da baixura galega poderán a partir do vindeiro mes de marzo levar a marca de calidade "PescadeRías". Entre este listado figuran aqueles recursos elexidos por lonxas arousáns para poder ser comercializados baixo este certificado de garantía.
Elección > Cada confraría fixo a elección en base aos produtos propios ou máis coñecidos da súa zona, e a procura de aumentar o valor dos mesmos e, conseguintemente, o rendemento económico dos profesionais do mar.
A lonxa do Salnés que máis recursos aposta por poñer baixo o amparo da marca "PescadeRías" é a do Grove. Desde centola e nécora ata camarón, pasando polas diversas especies de ameixa.
No que respecta a Cambados, os produtos que optaron por poder comercializar co amparo deste selo son a vieira e a zamburiña, dous dos máis recoñecidos desde porto arousán nos diferentes mercados.
Vilaxoán, pola súa parte, apostou pola ameixa babosa e fina e polo choco, aunando así os produtos do marisqueo e da flota artesanal.
A famosa xouba "do xeito" (captura artesanalmente) de Rianxo é a opción desta confraría da Barbanza. O seu patrón maior lembraba daquela que hai oito anos xa se intentara comercializar á xouba "do xeito" identificándoa cunha marca, buscando protexer calidade e dotar dun valor engadido a este produto. A intención da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos é a de presentar a mediados do mes de febreiro a campaña desta marca de calidade. A partir de entón comezaría a conta atrás para que estes recursos estivesen ao alcance dos diferentes mercados. |