Xornal Galicia Marítima | Miércoles, 10 Diciembre, 2008 - 07:39
Profesionais do sector pesquero e da restauración abogan por incluir a gastronomía dentro dos plans de desenvolvemento do turismo mariñeiro
● Os participantes no I Seminario “A gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia” inciden na necesidade da creación dun consorcio de xestión que regule esta modalidade turística.
● Cociñeiros de prestixio, empresarios, restauradores e representantes de confrarías e de colectivos profesionais do mar déronse cita no Centro Tecnolóxico do Mar para falar dunha futura rede de turismo mariñeiro en Galicia e dunha posible marca que avale estas iniciativas.
|
|

Representantes do sector pesqueiro, empresarios e restauradores abogaron hoxe en Vigo pola inclusión da gastronomía dentro dos plans de desenvolvemento dunha futura rede de turismo mariñeiro en Galicia. Durante o transcurso do I Seminario “A gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia”, que se celebrou esta mañá no Centro Tecnolóxico do Mar, relatores e participantes coincidiron na necesidade da creación dun consorcio de xestión que regule esta modalidade turística e dunha marca que identifique tódalas actividades desenvolvidas dentro desa rede de turismo mariñeiro.

O director da Fundación CETMAR, Alberto González-Garcés, e a subdirectora xeral da Consellería de Innovación e Indutria, Xulia Guntín, foron os encargados da apertura do seminario, organizado pola área de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar dentro do proxecto “Pesca-Turismo do Atlántico”. A coordinadora da devandita área, Rosa Chapela, foi a encargada de abrir os relatorios cunha exposición sobre ese proxecto, que pretende a posta en marcha dun novo modelo turístico baseado no patrimonio cultural e gastronómico das vilas costeiras galegas.
Rosa Chapela falou así das actividades que poden ter cabida nese novo modelo, como as rutas turísticas que xa existen nalgunhas vilas mariñeiras, ademais da promoción do patrimonio cultural, gastronómico e medioambiental; da creación dun modelo de aloxamento para o turismo mariñeiro ou o desenvolvemento doutras actividades vinculadas á cultura do ocio, ao comercio ou ao deporte. A coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca falou tamén da necesidade dun “ente promotor” cara a posta en marcha dunha rede de turismo mariñeiro en Galicia. Así, o proxecto plantexa a creación dun consorcio de xestión que regule ese novo modelo turístico e dunha “marca” que identifique as actividades desenvolvidas no seo desa rede.
Pola mesa deste seminario pasaron ao longo da mañá representantes de confrarías e de agrupacións de profesionais do mar que expuseron as súas experiencias na innovación e diversificación dos produtos pesqueiros ou na consolidación dunha oferta gastronómica nas iniciativas de turismo mariñeiro existentes en Galicia. Nas diferentes intervencións defendeuse a inclusión da gastronomía dentro dos plans de desenvolvemento deste novo modelo turístico e apostouse pola innovación na presentación dos produtos do mar.
Os cociñeiros galegos, representantes da nova cociña galega, falaron do aspecto “romántico” que pode ter a cociña galega de produtos do mar, do uso destes produtos nas súas cociñas combinando tradición e vangarda e do caracter dos produtos do mar cos que se ofrece natureza viva.
Tanto os cociñeiros como os representantes do sector pesqueiro e marisqueiro coincidiron en facer unha análise crítica e positiva e de potencialidade de cara ao futuro para vencellar a gastronomía galega ao Turismo Mariñeiro do Atlántico.
|