A Rede de Municipios Pesqueros do País Vasco visita Galicia para coñecer as accións de diversificación da pesca que se levan a cabo na nosa comunidade
▪ O secretario xeral da Consellería de Pesca recibiu a unha delegación de representantes deste organismo que quere implantar actividades complementarias á pesca nas localidades costeiras de Euskadi
▪ No seu percorrido pola nosa comunidade, a delegación vasca participará en programas de turismo mariñeiro e coñecerá algúns dos proxectos de diversificación que desenvolve o propio sector pesqueiro en Galicia
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.- O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel Ángel López Sieiro, recibiu esta mañá en San Caetano a unha delegación da Rede de Municipios Pesqueros do País Vasco, que realiza unha visita de tres días de duración a Galicia. O grupo, formado por case unha vintena de persoas, inicia hoxe un percorrido pola nosa rexión co obxectivo de coñecer de preto as actuacións relacionadas coa diversificación do sector pesqueiro, a valorización do patrimonio marítimo, así como as experiencias de repoboación que se están a levar a cabo na nosa comunidade autónoma. A rede de municipios ten previsto desenvolver a implantación de actividades complementarias á pesca nas localidades pesqueiras do País Vasco.
Miguel Ángel López Sieiro explicoulles aos visitantes que, entre algunhas das actuacións que está a levar a cabo o Goberno galego en materia de diversificación do sector do mar, atópanse a creación de áreas mariñas protexidas, como a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos” de Lira. O secretario xeral tamén lles falou do traballo que está a levar a cabo a Consellería de Pesca no proceso de constitución dos Grupos de Acción Costeira (GAC´s) para dar cumprimento ao eixo prioritario nº 4 do Fondo Europeo da Pesca (2007-2013).
No marco desta visita, López Sieiro asistirá a unha cea prevista para mañá no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela e na que tamén participarán, ademais da delegación da Rede de Municipios Pesqueros , representantes do Goberno vasco como o viceconsejero de Pesca, Luis Miguel Macías; e o director general de Pesca, Josu Santiago. Á cea tamén asistirá o director-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Alberto González Garcés.
Programa da visita
O programa da visita da delegación vasca, que coordinou o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, comezou hoxe coa recepción oficial por parte da Consellería de Pesca e continuou coa visita á Escola-Obradoiro Mar de Vigo, promovida polo Concello, e ás instalacións do Museo do Mar. Xa pola tarde, achegaranse ata o Cetmar, onde serán recibidos polo seu director-xerente, Alberto González Garcés, e coñecerán os proxectos nos que está a traballar relacionados co patrimonio marítimo e a diversificación socioeconómica da pesca.
Na xornada de mañá, a delegación percorrerá as Rutas de Cultura Marítima do Salnés, coñecerá o Museo da Salga do Grove e visitará o Acuario desta localidade. Tamén se achegarán ata o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca, situado na Illa de Arousa. Para finalizar o día, visitarán as instalacións dunha conserveira onde se elaboran produtos do mar delicatessen.
O mércores serán recibidos en Lira polo secretario da Confraría de Pescadores, que lles explicará o proxecto integral que leva a cabo o pósito denominado “Mar de Lira”. Nesta mesma localidade coñecerán a iniciativa de comercialización directa de produtos pesqueiros a través de internet, denominada “Lonxanet”, que desenvolven as confrarías de Lira, Cedeira, Porto do Son, A Coruña, Muxía e Cangas. A continuación, participarán no programa de turismo mariñeiro “Ruta do Porto”, que inclúe talleres de pesca e un percorrido guiado pola historia desta vila mariñeira.
Para rematar a xornada, a delegación da Rede de Municipios Pesqueros do País Vasco visitará a Cooperativa do Erizo de Mar, unha agrupación de mariscadoras de Lira que traballa na explotación e transformación desta especie da familia dos equinodermos.